xoves, 19 de marzo de 2020

BENVIDA A TODOS E TODAS

benvidos2

Ola nenos e nenas! 

Creei esta bitácora porque, como sabedes, estamos a vivir unha situación excepcional na que temos que estar nas nosas casas para lograr superala. 

Penso que é un bo xeito de manternos en contacto e de pasar un tempo entretido xuntos. Ireivos colgando actividades, xogos, vídeos... e, ademais, poderedes deixar comentarios para saber uns dos outros. 

O traballo que levastes para a casa o último día que nos vimos foi o seguinte:

- Rematar o último tema do 2º trimestre de Matemáticas, Lengua e Lingua. 
- Facer o caderno de cálculo. 
- Realizar as actividades do libro de Comprensión de textos 
- Estudar a táboa de multiplicar e practicar con ela 


Penso que con todo isto tendes dabondo, mais irei colgando novas cousiñas. Todas elas son voluntarias e non avaliables polo que elixide o que máis vos guste sabendo que hai cousiñas que sempre temos que facer coma ler ou escribir pequenos textos e repasar numeración e cálculo. 

Aos pais e nais quero dicirlles que, como saben, neste momento o máis importante é a saúde e pasar axiña isto. Os nenos e nenas de 2ºC traballaron moito estes meses e aprenderon unha chea de cousas que, sen dúbida, son a base que os levará a facer o terceiro curso con éxito. 
Non vos preocupedes pensando na avaliación nin nas notas, posto que agora mesmo é o de menos. 
Como vos digo, estou orgullosa do traballo de todos e de cada un. 
Os raparigos están a vivir unha situación de certo caos, descoñecemento e incertidume. Debe buscarse a súa tranquilidade, que xoguen, que pinten, que descansen,  que falen coa familia... 

Agardo que todos vos atopedes moi ben. 
Deixo habilitados os comentarios por si queredes escribir algo. 
Ademais, para cousiñas importantes, déixovos este correo electrónico que mirarei de cando en vez
auladegrafito@hotmail.com

Saúde e apertas para todos!!!!!!

Lucía Iglesias


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.