ACLARACIÓN: AS NOTAS EN ABALAR COMEZARÁN A APARECER A PARTIR DAS 12:00 DO DÍA 3
Boas, familias!
Hoxe venres comezarían as vacacións de
Semana Santa polo que NON vou mandar ningún traballo imprimible estes días.
Penso que os nenos e nenas teñen que descansar e ser conscientes de en que días
do calendario vivimos en cada momento e intentar facer unhas tempadas
diferentes ás outras.
Tan só lles propoño durante esta semana, voluntariamente, escribir un conto sobre un coelliño de Pascua que comece así:
“AQUEL DÍA, CANDO ESPERTOU, O SEÑOR RABBIT VIU ALGO RARO…”
Que non haxa máis tarefas non
quita que debamos seguir facendo certas rutinas coma a lectura diaria e é que,
hoxe máis ca nunca, NON HAI MELLOR AMIGO CA UN LIBRO. E xa que estas vacacións
non imos poder ir a ningures, teremos que viaxar
coas historias dos contos e dos cómics que teñamos na casa.
Aproveitade tamén para ver algunha
película ou serie que vos guste, escoitar música que nos axude a canalizar as
nosas emocións, pintar, debuxar, facer receitas de cociña, bailar, soñar, facer
ioga con algún vídeo de Youtube…
Á volta das vacacións, comezaría
o terceiro trimestre. O traballo dos mestres está sendo guiado por diferentes
instrucións que vai publicando a Consellería de Educación. Neste momento, e
mentras non se publiquen instrucións novas, a miña idea é a seguinte:
Ao volver de Semana Santa, cada
luns subirei dúas cousas
1- O RETO DA SEMANA que será unha actividade máis lúdica á que deberedes contestar
cunha fotografía ou cun pequeno vídeo. Isto sírvenos para entreternos e vernos
uns aos outros (este luns aínda que sexan vacacións tamén subirei reto).
2- Un documento no que explicarei tódalas tarefas que os nenos deben facer durante a
semana diferenciadas por área. Non serán moitas. É mellor facer dúas ben, ca
tres mal. E intentaremos ir avanzando nos contidos que nos quedan por dar que,
en realidade, son poucos. Xunto con este documento explicativo da semana,
subireivos as tarefas que os nenos/as deberán facer. Sempre haberá, ademais,
actividades de reforzo e de repaso. Comezaremos con isto o luns 13 de abril.
Para as explicacións dos contidos novos utilizarei vídeos ou breves
explicacións escritas que eles poderán ler antes de facer os exercicios.
Cabe destacar que todo este
traballo é totalmente VOLUNTARIO. Eu fago unha proposta e vós adaptádela á vosa
realidade. Téndesme aquí para o que precisedes.
Aproveito para deixarvos uns DOCUMENTOS
QUE PODEDES UTILIZAR COMO RUTINA para que os nenos escriban algo.
Un trátase dun modelo de “DIARIO
DE CORENTENA” que poden escribir tódolos días. Outro é un “DIARIO DE FIN DE
SEMANA”. Na escola os luns sempre adicabamos os primeiros minutos a falar da
fin de semana polo que agora, se lles apetece, poden escribir o que fixeron. É
unha moi boa maneira de practicar a expresión escrita.
O terceiro documento trátase
dunha “REFLEXIÓN DOS VENRES” destacando as mellores cousas da semana para
intentar sacar algo positivo disto que nos está tocando vivir.
Cada un de vós pode elixir o que
máis lle guste dos 3 e facelo coma unha rutina máis. Non é necesario imprimir.
Podedes usar diarios que teñades pola casa ou facelo nun caderno ou folios seguindo os meus modelos.
Déixovos tamén un documento con INSTRUCIÓNS PARA ESCRIBIR O CONTO DO SEÑOR RABBIT. Cando o teñades escrito, se
queredes, podedes enviarme unha fotografía na que se poida ler a vosa historia
e ireinas colgando. Entendo que o que ma envía por correo autoriza que publique a foto. Se non é así, que mo faga saber no e-mail dicíndome que non acepta a publicación no blog.
RESUMINDO:
- LUNS DÍA 6: subirei novo reto, pero ningún traballo.
- TAREFA DE SEMANA SANTA: conto do Señor Rabbit.
- PROPOSTA DA PROFE COMO RUTINA DE CORENTENA: escribir un diario cada día, escribir o diario da fin de semana ou escribir a reflexión dos venres.
- LUNS DÍA 13 e vindeiros luns: Comezamos a enviar traballo semanal.
Agardo que pasedes estas
vacacións o mellor posible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.